NOA, MARTINA, ROI E NAIA AXÚDANNOS A SABER MÁIS DOS ESQUIMÓS!

Como sabedes, o pasado venres os Pondaliñ@s completamos unha carta onde vos pediamos axuda ás familias para saber máis dos esquimós ou inuits. Esta mañá, algúns de nós chegamos máis cargados do habitual. Mirade, mirade!


Noa tróuxonos un pequeno oso polar, que como xa sabemos, é un dos animais que habita o Polo Norte. Ademais, apareceu cun libro que nos mostra tódalas casas do mundo, e entre elas atópanse as dos nosos amigos: os iglús! Lemos o que alí dicía sobre estas construcións e analizamos minuciosamente todo o que alí había. Descubrimos novos animais (morsas, raposos polares, cans árticos...), tamén algúns medios de transporte (kaiak, umiak, raquetas...) e xa sabemos que os inuits son moi bos pescadores! Ademais, puidemos ver como era o interior dun iglú! Por último, mostrounos outro libro, un que está cheo de información sobre os esquimós! É tan longo que hoxe só puidemos observar as primeiras páxinas, pero axudaranos moito ao longo do proxecto. Iremos lendo un pouquiño cada día! Os Pondaliñ@s queremos darlle as grazas a Noa e aos seus papás por estas aportacións tan fabulosas!


Martina mostrounos un simpático pingüín que ao darlle corda camiña dun xeito moi gracioso! Rímonos un montón coa súa camiñata pola clase! Ela ben sabe que estes animaliños viven no Polo Sur, así que aproveitamos para coller unha vez máis a nosa bóla do mundo xigante, e alí Martina foi a encargada de situar ambos polos, un arriba e outro abaixo, pero os dous cheos de neve e xeo! Moitas grazas á súa familia por este pingüín tan xenial!


Roi ensinounos o libro-xogo que fixo coa súa mamá! Ademais dalgunhas imaxes do Polo Norte, neste libro tamén podemos ver uns debuxos que nos axudarán a aprender un montón de vocabulario sobre todo o relacionado cos esquimós (forma de vida, vestimenta, medios de transporte, animais que con eles conviven...). Baixo estes debuxos temos un oco para pegar o nome de cada elemento, así que agora que xa coñecemos algunhas letras do abecedario, durante as rutinas de pola mañá, entre todos, pouquiño a pouco iremos completando este libro-xogo tan chulo! Os Pondaliñ@s queremos darlle as grazas a Roi e á súa mamá, prometemos xogar moito con el!


Naia tróuxonos un folio no que había debuxado un pingüín moi friorento! E baixo el, o nome dunha canción, dun conto e dunha peli que por suposto vimos na nosa pantalla. Gustáronnos un montón e divertímonos moito! Naia contounos que a súa irmá Alejandra foi a encargada de axudarlle, así que os Pondaliñ@s queremos darlle as grazas as dúas por axudarnos a aprender máis sobre os inuits!

Comentarios

  1. alegrome moito que gustara pois divertimonos moito facendo!!! Roi tiña moitas ganas de levalo o cole!!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario