IRIA, BRAIS P., NOA E MARTINA AXÚDANNOS A SABER MÁIS DOS ESQUIMÓS!

Pouquiño a pouco estamos coñecendo algo máis da vida dos nosos amigos os esquimós, e as nosas familias estannos axudando un montón! Mirade o que apareceu hoxe pola nosa clase!


Iria ensinounos un bonito oso polar que xa lle fai compañía a Teo na súa mesa dos inuits! Observamos a súa cor, tamén as partes do seu corpo e ata imaxinamos como sería o seu ruxido! Moitas grazas pola túa aportación Iria!


Brais Pérez mostrounos unha foca! Si, agora que xa coñecemos as diferenzas entre as focas e as morsas podemos afirmar que o animal que trouxo Brais é unha foca! Observamos a súa cor e chegamos á conclusión de que tamén había focas grises e negras! Tamén analizamos as partes do seu corpo: descubrimos que as focas non teñen orellas, que teñen bigotes, e que aquilo que pensabamos que eran patas en realidade son aletas que lles axudan a nadar polo Océano Ártico! Moitas grazas Brais!


Noa chegou cargada cunha alfombra de oso polar! Todos quedamos moi abraiados e non dubidamos en querer tocala! Grazas a ela descubrimos que os esquimós, ademais do peixe que pescan, comen a carne dalgúns animais, e utilizan a súa pel para confeccionar alfombras, mantas, as súas tendas de verán, a roupa que eles usan... Así mesmo, aproveitaremos esta alfombra para falar con estes Pondaliñ@s sobre algunhas prácticas dos inuits, fomentando así o coidado e respecto polos animais! Moitas grazas Noa, fantástica aportación!


Martina tróuxonos un conto titulado "Noel viaja a los Polos". Aproveitando que hoxe tocaba visitar a Cleo, decidimos que a biblioteca era o mellor lugar para ver de que trataba. Ao abrilo atopámonos cunhas imaxes moi interesantes e que, por suposto, non dubidamos en describir. Puidemos ver diversas paisaxes do Polo Norte (chairas, montañas, mares...), e tamén algunha do Polo Sur! Ámbolos polos se parecen moito, pero ben sabemos que non son iguais e que están moi alonxados un do outro! Moitas grazas Martina!

Ademais, a mestra Rocío contounos a historia de "Os mil brancos dos esquimós", o conto que o Apalpador lle regalou fai uns días. Aquí volo deixamos narrado por unha contacontos, por se o queredes recordar...

Comentarios