TEACHER, LEILA E ALONSO AXÚDANNOS A SABER MÁIS DOS ESQUIMÓS!

Esta tarde, coma tódolos martes, tocou subir ao segundo piso para visitar a biblioteca. Antes de saúdar á nosa amiga Cleo, achegámonos ata a aula de English, onde a Teacher, xunto aos seus alumnos e alumnas maiores, montou unha exposición sobre o mar, xa que é o proxecto que están a realizar.

Os Pondaliñ@s cada vez sabemos máis dos esquimós, e algo que xa coñecemos é que o seu mar é o Océano Ártico, onde eles pescan montados nos seus kaiaks e nos seus umiaks. Estivemos vendo todos os animais mariños que alí había, e pensamos cales podían vivir no Polo Norte e cales non. O que máis nos gustou foi unha foca que trouxera Olalla, a irmá do noso compañeiro Brais Pérez. Ademais, serviunos para confirmar algo que lemos estes días nun dos libros que temos na clase: as focas bebés son de cor branco (como as que nos trouxeron Iria e Brais P.!), pero cando se fan maiores serán grises ou negras (como a que levou Olalla!). Tamén chegamos á conclusión de que a foca de Olalla é a mamá da foca de Brais P.! Gustounos tanto que ata sacamos unha foto con ela. Aquí nos tendes!


Despois desta sorpresa, era o momento de visitar a Cleo! Hoxe, ela non nos deixou ningún conto para ler, xa que ben sabía que Leila e Alonso trouxeran uns ben bonitos.


Leila explicounos que coa súa mamá e co seu papá foron de paseo á biblioteca, onde atoparon estes dous contos de esquimós. A nosa compañeira foi a encargada de explicar as interesantes imaxes dun deles, que nos axudaron a saber máis dos inuits e a repasar algunhas das cousiñas que xa sabemos. O outro, titulado "A casa redonda" non nos deu tempo de lelo, pero farémolo mañá, xa que nos encantan os iglús e a profe está segura de que tamén nos encantará a historia de Wapiti... Moitas grazas pola túa aportación Leila!


Alonso contounos que coa súa mamá e co seu papá creou o mural do Polo Norte, ese que podedes ver na foto. Alí están el e a súa irmá Sabela convertidos nuns esquimós ben abrigados, acompañados dun iglú, dun oso polar e dun par de pingüinos que viñeron de visita desde o Polo Sur. Tamén nos ensinou un libro chulísimo, cheo de animais polares. Algúns xa os coñeciamos, pero descubrimos que no Polo Norte podemos atopar "búhos" de cor branca, paxaros que se chaman albatros e tamén uns animais que nós confundimos con baleas, pero que agora xa sabemos que aquela que ten un gran "colmillo" que se parece a un corno se chama narval e a que é de cor branca e negra é unha orca. Moitas grazas Alonso!

Comentarios