AS RUTINAS DA ASEMBLEA!

Estas primeiras semanas, os Pondaliñ@s estamos moi cantaríns, sobre todo nas rutinas da mañá... Tan pronto como nos sentamos na alfombra, o primeiro que facemos é saudar a Teo e descubrir como se sente dependendo da súa cor. Para iso, cantamos así:

Moi bos días, como estás?
Estás preparado?
Imos comezar! ♫

Logo, comprobamos a quen lle toca ser o encargado ou encargada da aula. A primeira afortunada foi Marta, pero todos seremos axudantes da mestra Rocío. O encargado da aula levará unha medalla para que todos saibamos quen é, pero non é unha medalla calquera. Primeiro contaranos como se sinte (contento, triste, enfadado, tranquilo, medorento ou amoroso), e logo escollerá a medalla da cor correspondente.


Feito isto, toca coñecer quen está na escola e quen na casa, contando a tódalas nenas e tódolos nenos que están sentados na alfombra. Pouquiño a pouco iremos coñecendo algúns números e isto irase complicando. Xa vos iremos contando!

E despois? Toca ver a que día da semana andamos! Para iso, a semana pasada, contamos un conto ben fermoso. Titúlase "Una semana en el nido", e como está descatalogado, aquí o deixamos por se algunha familia o quere contar na súa casa! Así foi como abrindo oviño a oviño coñecemos ao Paxariño Luns, á Serpe Martes, á Tartaruga Mércores, ao Peixe Xoves, ao Crocodilo Venres e aos Dinosaurios Sábado e Domingo. 









Por suposto, tamén temos canción e coreografía para os días da semana. Di así:
Sol soliño, quéntame un pouquiño, 
para hoxe, para mañá e para toda a semana: 
luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.
Cinco na escola e dous na casiña! ♫

Proximamente coñeceremos a dos meses do ano! Ademais, hoxe descubrimos o que era un calendario, e seguiremos traballando con el durante todo o mes, tachando os días que pasamos e contando os que faltan para un acontecemento importante: a fin de semana, un aniversario, un festivo... Pouco a pouco, seremos nós os que coloquemos ou escribamos os números, pero con tranquilidade que aínda estamos comezando!

E por último, é o momento de botar un ollo pola fiestra para ver como está o ceo, recordar en que estación do ano estamos e que ocorre nela, e comprobar que nos toca hoxe de merenda e que mestre ou mestra vén hoxe á nosa clase.

Feito isto, estamos listos para aprender xogando ou para facer algún que outro traballiño na mesa, porque tamén os estamos facendo! Non temos tempo para sacar fotos nestes momentos porque aínda necesitamos a axuda dos profes. Pero tampouco está tan mal, así as familias levades unha sorpresa cando nas vacacións de inverno levemos o noso libriño para a casa!

E a partir de mañá, engadiremos unha tarefa máis. Agora que xa estamos en xornada partida toca... POÑER OS MANDILÓNS!

Comentarios

  1. Ja, ja, ja!!! Por fin o entendo... leva toda a semana co de "cinco na escola e dous na casiña..." e non sabíamos de onde viña.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois agora xa a podedes cantar con eles na casa! :)

      Eliminar
  2. Gracias por este blog e por poñernos os papis cada pouco como van e o que fan os nosos menos no cole.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas a vós por seguir o blog con tanto entusiasmo! :)

      Eliminar

Publicar un comentario