QUE É ISO DOS NÚMEROS E DAS LETRAS?

Esta mañá, despois de colocar o número correspondente no ovo do Poliño Luns e tras construír o nome do encargado do día coas letras móbiles (Brais M.!), nunha interesante conversación na asemblea, chegamos a unha conclusión: usamos os números para contar e as letras para ler. Aínda que polo momento todos estes caracteres se nos parezan, é moi importante comezar a diferencialos e entender que non nos servirán para o mesmo...

Estámonos iniciando nesta complicada tarefa, e para iso axudámonos de dous libriños que usaremos moi a miúdo na nosa aula. Conforme vaiamos avanzando na nosa aprendizaxe, irémosvos mostrando as súas páxinas, por se nos apetece botarlle un ollo nas nosas casas.

Comezamos polo Libro dos Números. Xa coñecemos todas as súas páxinas, é moi divertido contar os seus monstruíños! Ademais, o libro só chega ata o número 9 e nós xa contamos ata 25 tódolos días, e contaremos ata o 31 cando rematemos o mes! A mestra Rocío bótanos unha man, pero nun tempo farémolo nós sós! E a partir desta semana xa comezaremos a trazar en papel o número 1. Recordamos: "Subimos a montaña e baixamos a montaña". Aquí vos deixamos os números 1, 2 e 3. Son os que polo momento estamos intentando diferenciar, aínda que o 1 xa o recoñecemos moi ben. Pouco a pouco!





Agora é a quenda do Libro das Letras. Este aínda o estreamos hoxe, e a mestra só nos mostrou cinco das súas páxinas (Vimos que era enorme!). Pero algunhas nenas e algúns nenos xa van recoñecendo certas letras, xa que xogamos con elas no encerado magnético cada vez que construimos o nome do encargado do día: dámoslle nome, repetímolo e descubrimos como fala. Porque as letras falan! Xa sabemos que a O anda sempre sorprendida dicindo "Oh, oh, oh", que a A ten medo e berrando di "Aaaaah", que á S gústalle o silencio a parece que nos manda calar cando di "Sssshhh" ou que a R é unha moto que fai "Rrrrrrr". Incluso houbo quen descubriu que cando a R dicía Roi ou Rocío falaba forte, e que cando dicía Iria ou Aroa falaba moi suave. Seguiremos buscando novas comparativas! Esta tarde, unha vez que decoramos os nosos monstros e fantasmas de Samaín, a mestra fíxonos un xogo: mostrábanos unha letra, dabámoslle nome, imitabamos o seu son e buscámola no noso nome, nos carteliños que temos nas nosas mesas! Fixémolo fenomenal! Aquí vos deixamos as cinco letras coas que comezaremos a traballar!



Seguiremos informando dos nosos avances e do que vaiamos descubrindo nas próximas semanas!

Comentarios

Publicar un comentario