COÑECEMOS O NÚMERO 1!

Durante o mes de outubro, os Pondaliñ@s achegámonos aos números a partir de diferentes xogos e actividades, pero hoxe decidimos coñecer un pouquiño mellor ao primeiro deles: o número 1.

Primeiramente, buscámolo no "Libro dos Números de Teo" e no noso calendario. Logo, decidimos que era un bo momento para averiguar como se escribía. Recordamos: "Subimos a montaña e baixamos a montaña", e así o fixemos no aire usando o noso dedo máxico.

Pero de súpeto, un número 1 de cor rosa apareceu na nosa alfombra, e usando esta consigna pasamos o noso dedo máxico por enriba del para trazalo unha vez máis. E agora si, chegou a parte máis divertida, escribilo nós soíños en area. Fixémolo fenomenal para ser a nosa primeira vez! Por suposto, seguiremos practicando durante as próximas semanas! Pouquiño a pouco!



E despois disto, aproveitamos os bits de intelixencia e o debuxo do propio corpo que fixo Zaira, a nosa encargada de hoxe, para descubrir cantas partes do corpo tiñamos: unha boca, dous ollos, cinco dedos... Seguiremos traballando estes conceptos, seguro que os números se fan moi bos amigos nosos!

E xa para rematar a xornada, unha vez que quitamos os mandilóns e nos preparamos para saír, o profe Xalo tiña unha sorpresa para nós. Hoxe estaba tan contento co comportamento de todos os nenos e nenas de Educación Infantil (tamén cos de 4 e 5 anos!) que nos regalou a cada un de nós unhas pastillas de gominola riquísimas! E ademais, puidemos ver na pantalla o vídeo dunha canción divertidísima que descubriu esta fin de semana! Mirade, mirade!

Comentarios