QUE FIXEMOS HOXE?

Como cada vez somos máis rápidos poñendo os mandilóns, xa estamos ampliando as rutinas do encargado. Pouquiño a pouco iremos coñecendo o noso nome e o dos compañeiros e compañeiras, e tamén as letras que o compoñen e como estas van falando. Esta semana, Teo tróuxonos un encerado imantado cun montón de letras coas que o encargado debe compoñer o seu nome. Polo momento, a profe Rocío déixanos só as letras que nos fan falta, pero pouquiño a pouco isto irase complicando. Hoxe foi Roi o noso encargado, e mirade que ben o fixo!


Ademais, aproveitamos o tempiño que nos quedaba antes de merendar para realizar un pequeno xogo onde seguimos traballando distintos conceptos da lóxica e da matemática usando unhas xoaniñas de cores:

- Na alfombra tiñamos catro caixiñas, cada unha cun par de obxectos no seu interior dunha cor determinada (amarelo, azul, verde e vermello) e na nosa man só unha xoaniña que escollemos libremente. Agrupámonos por equipos segundo a cor da nosa xoaniña, e logo clasificámolas na caixa correspondente.


- Feito isto, era o momento de sacalas de cadansúa caixa, contando cantas había, construíndo torres con ela. ¿Onde había máis? ¿Onde había menos? ¿Cal era máis alta? ¿Cal máis baixa? Houbo ata quen identificou as dúas torres medianas!


- E agora? Só quedamos con dúas caixas! Onde había máis? Onde menos?


- Que caixa está chea? Cal está baleira?


- Que obxectos están dentro? Cales fóra?


E como xa era hora de merendar... A recoller, a ordenar, cada cousiña no seu lugar, sen romper, sen tirar, que mañá hai que xogar ♫ E despois do recreo, seguimos cantando coa mestra Luisa na aula de Música, ata que nos demos conta que era o momento de encher as nosas barrigolas unha vez máis.

Como chovía, no recreo de comedor subimos á aula de cine ver unha película, e ao volver á aula, relaxámonos cun cachiño dunha nova canción. Chámase "O outono" (porque todos sabemos que xa estamos no outono!) e é dun compositor chamado Vivaldi.


E despois? Unha vez máis á alfombra... Alí nos esperaba a metade (polo momento só a metade!) dun vídeo no que coñecemos unhas personaxes moi divertidas: un cadrado, un círculo, un triángulo e un rectángulo. Falamos un pouquiño deles, buscámolos en obxectos cotiás, e descubrimos que estas figuras podían formar parte dunha casiña: o cadrado serían as paredes, o triángulo o tellado, o rectángulo a porta e o círculo o sol que a alumía.


Foi aquí cando coñecemos os bloques lóxicos, unhas pezas de madeira nas que contamos coas catro figuras xeométricas básicas, de tres cores diferentes e dous tamaños e dous grosores distintos. Faremos moitas actividades con eles ao longo do curso, pero hoxe era o momento de clasificar unha vez máis, aínda que desta vez cun criterio máis complicado: pola forma, sen importar a cor! Así foi como cada nena e cada neno escolleu un dos bloques e, de un en un, levantábase para mostrarlle aos compañeiros e compañeiras a figura que traía, intentando darlle nome entre todos, introducíndoa no caixón correcto. Fixémolo fenomenal!


E xa para rematar, antes de quitar os mandilóns para marchar para a casiña, bailamos a canción do mes e descubrimos novas partes do corpo. Isto das adiviñanzas estase poñendo máis difícil cada día que pasa! A ver o que nos espera mañá :)

Comentarios