BITS DE INTELIXENCIA: O CORPO

Esta tarde, despois da relaxación, unha sorpresa estaba esperando por nós na caixiña de Teo: uns bits de intelixencia do corpo humano.

Este é un método didáctico dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que nos permite mellorar a súa atención, concentración e memoria. Aínda que a mestra Rocío non segue o método proposto polo seu creador e faino un pouquiño máis divertido, traballando con eles poderemos desenvolver, ademais, a nosa linguaxe e ampliar o noso vocabulario, neste caso, o relacionado co corpo humano.

Aquí vos deixamos cos que traballaremos durante este mes de outubro. Hoxe xa descubrimos as partes máis sinxelas, localizámolas no noso corpo e no dos compañeiros e compañeiras, contamos cantas tiñamos, comparamos tamaños, diferenciamos ás nenas dos nenos; a encargada Daniella debuxouse no encerado..., e así continuaremos durante as próximas semanas! 

Ademais, algunhas imaxes permitíronnos descubrir cousas que non sabiamos: as pestanas fan que non nos entren lixiños nos ollos; na boca, ademais de dentes, temos moas; temos os mesmos dedos nas mans que nos pés, cinco en cada un!; os nenos teñen pene e as nenas teñen vulva; cando estabamos na barriga de mamá comiamos polo embigo, a través do cordón umbilical... E isto último dounos moito para falar. Como chegaban os bebés ás barrigas das mamás? Fanse grandes comendo moito? Métese ao bebé polo embigo? Por arte de maxia? Foron moitas as teorías escoitadas e tiñamos moita curiosidade, así que non queda máis que investigar durante as próximas semanas! Xa vos iremos contando!

Comentarios