"O CIRCO" DE MIRÓ e "O CIRCO" DE 3 ANOS!

Esta mañá, despois do recreo, descubrimos que algo había na caixiña de Teo... Aquí temos a Xabi, o encargado de hoxe, abríndoa para comprobar de que se trataba:


Todos coñecemos o ovo de oso panda que nos dá a quenda de palabra, e tamén a tablet que moitos quixemos levar para a nosa casa! O que nunca antes víramos era ese debuxo estraño. Foron moitas as hipóteses que ofrecemos: unha foto, un cadrado, un círculo, un folio roto, moitos camiños, unha televisión estropeada, un circo volador, un coche de policía, montes e montañas...

Non demos adiviñado do que se trataba, así que a profe propúxonos acender a tablet e buscar na pantalla algo que se parecese a esa forma estraña que estabamos vendo no papel. Unha vez atopada a aplicación, Xabi pinchou nela, e unha cámara se activou. Decidimos sacarlle unha foto a ese código, a ver que ocorría...


E o que ocorreu foi que... Se abriu o noso blog! E alí había un vídeo esperando por nós. Aquí volo deixamos novamente, e tamén este Código QR por se queredes lelo nas vosas casas:



Pouquiño a pouco fomos descubrindo que se agochaba tras esas manchas negras e moitas foron as nosas opcións... Pasamos de ver galiñas no galiñeiro a gatos nun parque, logo todos nos decantamos por unha praia pola que paseaban unha galiña e un gato. Foi nese momento cando comezamos a ver ceo, area e mar. Tamén un barco vermello do que saía unha serea, e un avión que se volveu un barco de vela e que máis tarde se transformou nunha escaleira. Por esa escaleira un caracol subía para colocar unha bandeira, aínda que minutos antes esa bandeira confundímola cunha pizza voladora. Houbo discusións sobre se alí se vía unha ponte ou un balancín, e o que todos vimos foi á galiña montando na bicicleta. Mirade que tanto pensamos!


Despois de deixar voar a nosa imaxinación, a profe explicounos que o que alí estabamos a ver era un cadro dun artista chamado Miró, e que el titulara "O circo". Nós non tiñamos moi claro que o que alí se vía tivese nada que ver co circo, así que decidimos buscar algún elemento circense que puidese pintar Miró. Isto foi o que atopamos:


- "Vese unha bandeira, e no circo hai bandeiras"
- "Hai pallasos facendo teatro"
- "Hai un rapaz que se parece a unha pataca que se dobra un montón" (Contorsionista)
- "Hai unha bici, esa bici pode ir por unha corda e non caer" (Equilibrista)
- "E para subir a esa corda teno que facer pola escaleira"
- "Tamén hai xoguetes, e no circo hai xoguetes"
- "Os xoguetes pódeos usar o malabarista. Teo xoga con pelotas"
- "Ou o mago que saca xoguetes do sombreiro para os nenos que se portan ben"

Xa pola tarde, aproveitamos o bo tempo para facer outra actividade na pista de fútbol. Mentres estabamos recordando o cadro, por alí pasaron os nenos e nenas de 4 anos, que xa coñecían "O circo" de Miró porque fai uns meses fixeron unha actividade similar coa profe Bea, e alí estiveron explicándonos o que eles vían neste cadro...

Despois de escoitar a súa explicación, a profe dounos as pezas dun quebracabezas que tiñamos que colorear libremente. Pero non era un quebracabezas calquera, era o quebracabezas desta obra de arte! Aquí nos tedes en pleno traballo:





Despois de xogar un pouquiño no patio, volvemos ao círculo central para construír o noso quebracabezas. Mirade que ben nos quedou! Somos uns artistas!



O que estes Pondaliñ@s aínda non saben é que esta tarde a profe Rocío creou un pequeno museo no corredor para poder expoñer o seu cadro enmarcado! Así todo o mundo poderá ver esta obra de arte!

Comentarios

  1. UNS ARTISTAS ESTES NENOS!!!,ESE MIRO E TODA UNHA OBRA DE ARTE!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Súper artistas! 👏👏👏 Nunhas semanas coñeceremos a Matisse! 🎨

      Eliminar
  2. Terei que levala a Mallorca!🤔A irmá con un ano mais distinguiu o lonxe "mural del sol" de Mirò en Palma! Deixounos flipando 🙄Probarei con esta 😝

    ResponderEliminar

Publicar un comentario