TEO VOLVE DA CASA DE... NOA!

Esta mañá, a nosa compañeira Noa chegou á escola un pouquiño máis cargada do habitual. Con ela traía á nosa mascota de cor amarelo! Aquí vos contamos como foi a súa fin de semana...

O venres, despois de chegar do cole, merendaron na imprenta, e coas pilas ben cargadas foron á clase de judo acompañados da súa amiga Ana. Despois de facer deporte, regresaron á imprenta, onde construíron un Inukshuk coa axuda dos seus papás. No día de onte a profe estaba un pouquiño despistada e confundiuno cun esquimó, pero hoxe descubrimos que os Inukshuk son esculturas construídas por eles. Logo, Noa ensinoulle a Teo como se divertía na imprenta mentres os seus papás e Rita traballaban: co encerado e as letras magnéticas, co piano, coas canicas... Debido ao temporal, a luz iba e viña, polo que decidiron marchar para a casiña, onde cearon, e onde antes de ir durmir, leron un montón de contos xunto a un Teo verde ben tranquilo!

O sábado pola mañá foron de novo á imprenta, pero tamén aproveitaron para visitar a gasolineira, onde a nosa mascota puido coñecer a Fran e a Esther, e onde se puxeron as botas comendo un montón de orellas! Despois de xantar e durmir unha boa sesta, Teo e Noa foron facer uns recados por Ponteceso: ao supermercado, á carnicería, á zapatería... E despois deste paseo, Teo atoparíase cunha coñecida no parque de bólas. Martina, Noa e Teo estiveron xogando toda a tarde, e logo decidiron que cear alí tamén era unha boa opción!

O domingo, despois de almorzar, xogaron un pouquiño máis ata que marcharon cara Riotorto para xantar todos xuntos na casa da avoa Fina. Pero esta non era unha comida calquera, era unha moi especial... A do aniversario do avó Suso! Comeron un rico churrasco que asou o papá de Noa e unha gran tarta que fixo a tía Trini, a mamá de Álvaro, o noso compañeiro da clase de 5 anos! Por suposto, non podían faltar as orellas da avoa Gabriela! Despois de comer, soprar as velas e abrir os agasallos, tocaba xogar un pouquiño: aos médicos, coa pelota, coa moto, co coche teledirixido... Ademais, alguén nos contou que Noa e Martina, que tamén estaba invitada á celebración, cantaron unha e outra vez a canción da paz que nos ensinou a profe Luisa! E como de música ía a cousa, o avó Suso trouxo o seu acordeón. Todos xuntos o escoitaron, tamén bailaron, fixeron palmas e tocaron a pandeireta, pero logo... eles tamén quería tocar o acordeón! E foron uns afortunados porque o avó Suso deixoullo! Para rematar esta tarde tan animada, regresaron a Ponteceso, onde Teo coñeceu aos padriños da nosa compañeira!

Sen dúbida, o que máis lle gustou a Noa foi celebrar o aniversario do avó Suso con toda a súa familia e tocar o seu acordeón! Teo tamén o pasou fenomenal nesta fin de semana tan divertida!

Comentarios