PRIMEIRO DÍA SALTANDO SOBRE A ALFOMBRA NUMÉRICA!

Como xa vos anunciamos, seguimos xogando coa recta numérica! Durante estes días, despois de facer a actividade cos pompóns, estivemos explorando libremente a nosa alfombra dos números durante os momentos de xogo nos recunchos.

Esta mañá, despois das rutinas do encargado, a profe recordounos como xogar con ela: colocámonos no número 0, e unha vez listos saltamos sobre cada peza, observando o número que estamos a pisar, dicindo en voz alta o seu nome. Mentres, os demais compañeiros e compañeiras estaremos moi atentos ao que cada nena e cada neno fai!

Esta actividade permítenos vivenciar a través do noso propio corpo a progresión dos números, asimilando a súa orde, recoñecendo a súa grafía e poñendo a proba as nosas habilidades motrices a través do salto. Ademais, implica a autorregulación dos propios impulsos, xa que non podemos saltar máis rápido do que contamos, nin podemos contar máis rápido do que saltamos. Pouquiño a pouco conseguirémolo!

Hoxe foi o noso primeiro día, a nosa primeira toma de contacto, e non o fixemos nada mal, o importante é intentalo e facelo con ganas. Cada un ao seu ritmo, sen présa pero sen pausa, xa que o máis importante é ir mellorando pouco a pouco.

Aquí vos deixamos un vídeo do que sucedeu esta mañá. Seguiremos informando das nosas evolucións, e seguro que moi pronto realizamos outro xogo con esta alfombra que tanto nos gusta...

Comentarios

  1. Que actividade tan divertida, Pondaliñ@s!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Pasárono pipa, e algúns xa o intentan facer sós nos momentos de xogo libre 👏👏👏

      Eliminar
    2. E mais na casa!!, que Noa estivo todo o finde saltando e contando as baldosas.😃

      Eliminar
    3. Que ben! Encántame 😊

      Eliminar

Publicar un comentario