XOGAMOS COA RECTA NUMÉRICA!

Esta mañá descubrimos algo novo na nosa clase... A profe trouxo unha alfombra chea de números! Estaban todos os que coñecemos, e así os recordamos tódolos días:

  • O 0 é o número que aparece cando non temos nada. Tamén sabemos que se parece á letra O e a un círculo.
  • O 1 é o número que sube e baixa a montaña.
  • O 2 é o número que se parece a un patiño.
  • O 3 é o noso número, o que está na nosa porta.
  • O 4 é o número da clase da profe Bea e agora da profe Ana.
  • O 5 é o número da clase da profe Mila.
  • O 6 é un dos números máxicos.
  • O 7 é o número favorito do profe Xalo.
  • O 8 é o número das gafiñas de Xabi.
  • O 9 é o outro número máxico.

Antes de nada, tiñamos que comprobar que tódolos números estaban ben colocados, non fora ser. Así que a mestra explicounos como o debiamos facer... Colocados en posición de saída (no número cero!), debemos saltar coma canguriños dicindo iso de "un, dous, tres, catro, cinco, seis, sete, oito e nove", comprobando se o que nós dicimos se corresponde co número que estamos a pisar. (Ensaiaremos estes días, a ver que tal nos sae) Hoxe estaba ben colocada, pero pode que nestes días algún ratiño decida desordenar a nosa alfombra dos números... Xa vos iremos contando!

E aínda que o facemos tódalas mañás cando buscamos o número de letras que ten o nome do encargado ou encargada do día, entre todos démoslle nome a cada un dos números. Logo, por parellas e tríos, colocamos pompóns en función do número que nos tocou. Cada un ao seu ritmo, sen présa pero sen pausa e axudándonos uns aos outros! Fixémolo fenomenal!

Por último, aproveitamos que estamos traballando a grafía do número 2 (e seguimos reforzando a do número 1!) para escoller a peza da nosa alfombra que se corresponde con este número e repasalo, primeiro co dedo máxico e logo con rotulador, no noso encerado. Iria, a encargada de hoxe, foi quen nos explicou como se facía, e logo seguímola os demais.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que resume todo isto que vos acabamos de contar!

Comentarios