VENTISCAS DE NEVE NO POLO NORTE!

Esta tarde, a profe chegou á clase contando que poderiamos levar para as nosas casas o Polo Norte. Nós non entendiamos nada do que estaba dicindo, e só puidemos poñer caras raras e preguntar como se podía facer iso...

Comezou entregándonos unhas bolsas onde podiamos ver o noso nome, e na parte superior estaban escritas as palabras "Polo Norte". Aínda que nos custou un pouquiño conseguimos abrilas, e despois disto deixounos sobre as nosas mesas un cadrado de cor branca que moitos confundimos cun bloque de xeo, pero en realidade era un bloque de poliespán que tivemos que desfacer para darlle forma de pequenas folerpas de neve. Pasámolo en grande, e non nos veu nada mal porque estas actividades axúdannos a desenvolver a nosa motricidade fina!


As bolsiñas xa estaban cheas, pero aquilo aínda non se parecía ao Polo Norte. O que si se parecía era a nosa clase... Menuda desfeita, o chan e as nosas mesas estaban cheas de neve! Antes de nada, era o momento de coller as vasoiras e os cepillos e deixar a aula ben ordenada.

Cando todo estaba de volta no seu lugar, a profe axudounos a pechar as nosas bolsas e introduciu unha palliña por un pequeno buraco que xa fixera na bolsa. Era o momento máis divertido: soprar para que a neve inundase o noso Polo Norte particular! Iso si, recordade que se sopramos moi forte ou moi suave a neve non se moverá do seu lugar...


Esta tarde xa fixemos varios intentos, e a algúns levantábansenos unhas ventiscas fabulosas mentras que a outros unha pequena brisa, pero o importante é ir controlando o noso sopro, cada un ao seu ritmo. Podedes seguir intentándoo nas vosas casas, xa que este tipo de xogos son moi beneficiosos para o bo desenvolvemento dos nosos pulmóns, tamén nos axudan a controlar cada vez mellor a nosa respiración e poñen a proba os músculos que participan na fala. Ao que lle apeteza tamén pode crear novos polos, en bolsas máis grandes ou máis pequenas, con máis ou menos neve, con unha ou dunhas palliñas... Xa nos contaredes a ver que ocorre! 

Comentarios

  1. Expertos no tema, o domingo Martina viume que estaba limpando un rape, e dixo "moi ben mamà vamos comer foca!!!" Que a pescou papá?como un esquimò?. E a continuaciòn explicounos a diferencia entre foca e morsa!! 🤔😂

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajajajajaja, encántame 😍 Aínda que agora creo que é momento de explicar na clase a diferencia entre rape e foca 😂 PD: Ela tamén nos explicou como era o Polo Norte porque resulta que fora alí con mamá e Ceci ao supermercado. Experta total 😂

      Eliminar
  2. Alex veu encantado ca sua bolsiña do polo norte

    ResponderEliminar

Publicar un comentario